A língua lusa, derivada do latim, se espalhou levada pela rota da colonização portuguesa no século XVI. Veja os principais locais destacados no mapa.

MAPA DA LÍNGUA
(volta)

MAPA DA LÍNGUA PORTUGUESA NO MUNDO
Siga a trilha de quem fala português.

 

DE MANS DADAS
Claudio Rodríguez Fer

A Bahía, a flor máis núa.

Macumba

Quixera adelgazarme como un verme
e penetrarte pola orella ata a cabeza
para sorber as túas dores e os teus males.

Quixera alisarme como un congro
e penetrarte pola boca suavemente
baleirándome do amor que poida darche.

Quixera encher teu corpo dende a vulva
e penetrarte ata o delirio das delicias
como unha anaconda sempre amante.

 

A flor das flores

No teu xardín púbico, cheo de prímulas,
cultivo rosas para o teu gladíolo,
magnolias arredor da túa caléndula
e camelias en torno ao teu botón de ouro.

No teu escuro estanque de anemones
semento o meu nenúfar espermático
para dar vizosidade ao mato crespo
onde interno o caravel entre as hortensias
cada vez que te rego en leiterenas.

E así floreces ti, a flor máis núa,
vestida só coas túas propias pétalas.

 

Baía sexual

Ti es todo o sorriso da baía.
Levas na roupa as cores multicores
das prazas brancas e das rúas azuis
e no corpo as ondas da mareira.

Tes nas mamilas os froitos do café
e non hai nada tan doce nin fragrante
como a túa pel de óleo e de cacao.
Ti móveste como se pisa a area.

Cando nos bicamos nas bocas devorantes
fundímonos nas rías de Galicia.
Cando acariciamos os corpos devorados
mollámonos nas praias de Bahía.
E cando envorcamos volcánicos os sexos
eu atraveso a selva da Amazonia
e a ti te penetra a serra do Courel.

Ríos seminais, fluxos mariños,
canles para todos os fluídos
do noso amor amante sen barreiras,
baía sexual, sempre sen límite,
tendida sobre o leito dun océano.

 

. . . . . . . . . .

^ topo

 

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER. Poeta, narrador, autor teatral e ensaísta galego, foi catedrático de ensinanza media en Galicia e profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña en Rennes e de Santiago de Compostela, onde actualmente director da revista Moenia e da Cátedra Valente de Poesía e Estética. Coordina, con Carmen Blanco, a revista pluricultural Unión Libre. Cadernos de vida e culturas e a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.

É autor dun ciclo de poesía erótica composto por Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de ternura (1981), Historia da lúa (1984), A boca violeta (1987) e Cebra (1988), libros reunidos en Vulva (1990) e antologados en A muller núa (1992). Á marxe deste conxunto editou Cinepoemas (1983), Lugo blues (1987) e, posteriormente, os universalistas Extrema Europa (1996), A unha muller descoñecida (1997), Moito máis que mil anos (2000) e A loita continúa (2004) e Viaxes a ti (2006). Con serigrafías de Eugenio Granell publicou Rastros de vida e poesía (2000) e con augafortes propios A vida.Gravados sobre corpo (2002),

Publicou diversas obras narrativas -como Meta-relatos (1988)-, teatrais –como As costureiras  (2006)- e críticas -como Poesía galega (1989), Arte literaria (1991), A literatura galega durante a guerra civil (1994), Acometida atlántica (1996), Guía de investigación literaria (1998) ou os numerosos libros e edicións realizados en torno ao narrador Ánxel Fole e ao poeta José Ángel Valente, entre outros autores galegos (Castelao, Dieste, Carballo, Ángel Johán) e non galegos (Dostoievski, Borges, Neruda, Brassens).

          Foi obxecto dos libros Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999), de Olga Novo, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (1998), de Natalia Regueiro. Textos seus están traducidos ó castelán, inglés, francés, italiano, alemán, ruso, catalán, bretón e árabe. Obras súas recibiron, no campo da poesía, o Premio Nacional da Crítica (Tigres de ternura); no da investigación, por dúas veces o Premio Losada Diéguez (Poesía galega e A literatura galega durante a guerra civil), e, no académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento.

 

. . . . . . . . . .

^ topo